miércoles, 2 de noviembre de 2011

O misterio do fotógrafo de pedra…

Hoxe contareivos unha historia verídica que me aconteceu nestes días de vacacións...
Por razóns familiares tiven que ir a Palencia na ponte dos Santos. E como todo bo "giri" que se prece, alá me fun a sacar fotos da cidade como un turista mais. Unha das miñas teimas é fotografar canecillos e gárgolas das igrexas románicas –ben sei que son “rarito”-. Preguntaredes o por qué. Supoño que nunca vos decatáchedes da incrible imaxinación dos canteiros medievais. Si queredes ver figuras monstruosas (monstruosas de verdade), seres míticos e fantásticos ou animais alucinantes, non tedes mais que mirar en contrapicado no exterior das igrexas (sec XII a XVI) e fliparedes en colores. Sempre pensei que se podería facer un cómic ou mellor aínda unha película de animación alucinante, simplemente xogando con eses seres e figuras fantásticas que superan a imaxinación do mais ousado artista contemporáneo. Probade a experiencia e darédesme a razón.

Ben. Pois como vos dicía… estaba eu ensimesmado, admirando as figuras monstruosas do ábside da catedral de Palencia e cómo non, mirando cara arriba (facendo un contrapicado), cando Carme interrompiu a miña concentración:
-                               -   Mira, isa gárgola ten unha cámara de fotos…
-                  -  Veña, ho, cómo vai ter unha cámara de fotos unha figura en pedra do século XV?
Pero era verdade. …Coño, a gárgola tiña unha estupenda cámara reflex na metade do corpo..¡

Non daba creto.. Imposible…. Tería que chamar a Iker Jimenez e asistir ao programa “Cuarto Milenio”?; estaba diante dun  poltergeist?; ou era unha alucinación producto da inxesta masiva de lechazo palentino?.
Mais todos os “misterios sen resolver “  soluciónanse investigando  -case todo está en Internet-  e deseguida me informei que alá polo 1930 a gárgola medieval orixinal caeuse ao chan. O extraordinario arquiteto modernista, Jerónimo Arroyo, decidiu homenaxear e inmortalizar a un amigo fotógrafo que morrera ao caer dende o tellado da catedral mentres facía fotos. Así pois, construíuse unha gárgola de pedra cunha cámara de fotos e aí está dende entón… O fotógrafo chamábase Luis R. Alonso.

En 1989 casualmente topei en Madrid cun montón de latas de celuloide antigas. As imaxes estaban desordenadas: os rótulos por un lado, as imaxes por outro, sen unidade narrativa ou sentido algún. O seu director morrera "repentinamente" sen poder organizar e montar a película que filmara por toda Galicia durante tres meses de 1929.  Tiven a honra de participar activamente na localización, investigación e restauración do filme que era como un inmenso puzzle de mais de 3 500  metros de película cinematográfica.

O resultado do traballo foi unha xigantesca película documental sobre Galicia (case dúas horas e media). Si calquera de vos quere ver cómo era a Galicia dos anos vinte forzosamente terá que visionala. As súas imaxes utilízanse continuamente en numerosos documentais e programas de TV, cando se quere viaxar á Galicia do primeiro terzo do século XX. Aquela película que contribuín a restaurar, fora dirixida e fotografada polo operador palentino Luis R. Alonso -agora xa o sei - morto e inmortalizado en pedra na catedral de Palencia.

E  para rematar esta  historia circular, aquí vos deixo coas imaxes que a “gárgola de pedra” filmou en Ferrol  na primavera de 1929, catro meses antes de caer polos tellados da catedral de Palencia:

No hay comentarios:

Publicar un comentario